Cultura, Tradición, Gastronomía

Ruta que percorre festas, mercados, produtos locais e espazos culturais de Betanzos, poñendo en valor a súa tradición, gastronomía e vida popular.

Xira dos Caneiros

Xira dos Caneiros

Romaría fluvial con centos de embarcacións engalanadas que soben polo río Mandeo ata Os Caneiros para celebrar unha tarde de música, baile, bebida e amizade
A orixe da outra gran tradición ligada ao calendario festivo do mes de agosto ten pouco que ver coa festa actual. A xira fluvial dos Caneiros comezou no outro río que atravesa a cidade, o Mendo, e tiña relación coa desaparecida capela de San Bernardo, no mosteiro das Cascas, onde existía unha celebración o día da súa festividade, o 20 de agosto. Coa apertura da estrada de Santiago e a desaparición desta capela, a festa trasladouse ao día 17 para o campo das Cascas, un terreo plantado con álamos na beira do río Mendo. O final da tradición do Mendo coincide coa inauguración, en 1902, do Lavadoiro Gratuíto das Cascas, ideado polos irmáns García Naveira. A primeira xira polo Mandeo da que se ten constancia aparece recollida no xornal de 1889. A partir do século XX o evento vai aumentando en tamaño e participantes, que chegan a sumar centos de embarcacións. Prémianse as mellor decoradas con flores, faroliños de papel etc. Tamén se celebran o 25 de agosto para dar fin ás festas patronais. Esta segunda romaría é coñecida popularmente como "Os Caneiros da Coruña” debido a que había moita afluencia de veciñanza da cidade.