Cultura, Tradición, Gastronomía

Ruta que percorre festas, mercados, produtos locais e espazos culturais de Betanzos, poñendo en valor a súa tradición, gastronomía e vida popular.

Semana Santa

Semana Santa

Na Idade Media xa existen en Betanzos varias confrarías baixo cuxo padroado se achaban os distintos gremios establecidos e que, dunha ou outra forma, viñan contribuíndo a solemnizar as celebracións relixiosas, de maneira moi especial a do Corpus Christi. A Semana Santa de Betanzos comeza o venres anterior ao Domingo de Ramos cunha misa na honra á Virxe das Dores. Desde este día ata o Martes Santo a música, especialmente no recoñecido Ciclo de Música Sacra, é a auténtica protagonista. O Domingo de Ramos pola tarde ten lugar a bendición dos Ramos e a procesión coa imaxe da Borriquiña, que é acompañada por numerosos betanceiros e betanceiras cos seus ramos e as súas palmas. Na noite do Mércores Santo celébrase un sinxelo e emotivo viacrucis, polas rúas do centro histórico da cidade. Nas seguintes procesións o canto e as bandas fanse presentes nas rúas empedradas do centro histórico. O Xoves Santo, trala celebración da Última Cea, co característico lavatorio de pés, ten lugar a procesión do Santo Encontro, na que se representa o encontro das diferentes imaxes da Paixón coa Virxe María. A tarde do Venres Santo conmemórase a Morte de Xesús, a cal se escenifica na procesión do Santo Enterro. Xa pola noite, na procesión dos Caladiños a veciñanza betanceira acompañan a Virxe na súa soidade. Na tarde do Sábado Santo a procesión da Soidade, na que a imaxe de San Xoán acompaña a Virxe, representa a esperanza da resurrección, que se celebra de forma solemne pola noite na Vixilia Pascual.