Patrimonio de Betanzos

Conxunto de bens históricos, artísticos e culturais que reflicten a identidade e a evolución de Betanzos ao longo do tempo

Porta da Vila

Porta da Vila

Antiga porta medieval de Betanzos, tamén coñecida como Porta Real, decorada cos escudos de Galicia, Castela e León e a cidade.
Está porta era coñecida tamén polo nome de Porta Real debido ás armas (escudos) que a decoraban. Os escudos podían verse desde o Campo da Feira e estaban situados sobre a porta segundo se describe: á esquerda o do Reino de Galicia, con 5 copóns ou cálices; no centro, o de Castela e León e á dereita, o da cidade coa ponte e a torre. Baixo eles unha inscrición LAS: DEL: REI: NO: E: LA CIBDAD. Estarían datados no último terzo do século XV, despois da concesión do título de cidade a Betanzos por Enrique IV en 1465. Curiosamente repuxéronse unha vez que se fixo a reconstrución de portas e murallas ordenadas polos Reis Católicos. O escudo de Galicia desta porta é a representación máis antiga do devandito emblema que se conserva en toda a rexión. Simboliza cos seus cinco copóns as cinco provincias nas que se dividiu o Reino de Galicia ata o século XV, que logo pasaron a sete, ata a actual división en catro. En 1865 o Concello de Betanzos decide derrubar as portas porque daban mal aspecto e dificultaban a entrada da xente. Ao longo dese ano derrúbase esta porta pero consérvanse os escudos, que se situaron nas casas que alí existían. Ata 1903 non se leva a cabo un proxecto de ampliación e ensanche, que sería completado en 1911 coas varandas e farois modernistas.