Patrimonio de Betanzos

Conxunto de bens históricos, artísticos e culturais que reflicten a identidade e a evolución de Betanzos ao longo do tempo

Convento de Donas

Convento de Donas

Antigo convento medieval con orixes no século XI, vencellado a As Donas e ao priorado de As Cascas, hoxe en estado de ruína parcial.
No mesmo lugar no que hoxe se atopa o convento das Donas, crese que con anterioridade existiron unhas dependencias monacais que as fontes medievais citan baixo a denominación de San Paio de Genrozo. As súas orixes non están moi claras, pero posiblemente o cenobio, habitado por unha comunidade de monxes benedictinos, dataría do século XI e estaría vencellado á figura de D. Froilán Bermúdez. Con todo, os relixiosos cesaron pronto as súas actividades e non sería ata o 1145 que se levaría a cabo a fundación dun novo convento por iniciativa de Bermudo Pérez de Traba, membro dunha das familias máis poderosas da Galicia da época. Este recuperará o antigo mosteiro co obxectivo de deixalo en herdanza á súa filla dona Pega, a quen nomeará abadesa. Co tempo, o recentemente renomeado Convento da nosa Señora de Donas será entregado ao mosteiro de Sobrado pola propia dona Pega, de xeito que ambas as institucións quedarían vinculadas para dar lugar ao Priorado das Cascas. Esta situación manterase ata que a desamortización levada a cabo na primeira metade do século XIX peche As Donas definitivamente. Empezarán entón unha serie de procesos que levarán á alteración da estrutura orixinal do convento e á progresiva destrución dos seus compoñentes.