Betanzos en tres días

Unha proposta completa para descubrir Betanzos con tranquilidade, combinando patrimonio histórico, natureza, arte e tradicións locais.

Globo de San Roque

Globo de San Roque

O globo de papel máis grande do mundo elévase cada 16 de agosto en homenaxe ao patrón de Betanzos, San Roque
A orixe da tradición aerostática encóntrase nunha celebración realizada en 1814, concretamente o 29 de maio, con motivo da onomástica do rei Fernando VII, cando os betanceiros lanzaron ao ceo un globo de papel para conmemorar tal acontecemento. Este acto celebrouse no campo da feira, a actual praza dos Irmáns García Naveira, e contan as crónicas que o lanzamento causou unha grande admiración no público que se congregou ese día. Este fito, bastante habitual nos festexos da época, repetiuse novamente en 1837 co lanzamento de dous aeróstatos para celebrar a redacción dun novo texto constitucional. A primeira mención ao globo de papel ligado coas celebracións na honra de San Roque aparece en 1834. Ese ano o Concello de Betanzos gasta 78 reais en convidar a unha ponchada e a unha merenda a toda a rapazada que traballara na elaboración dos globos. Ademais destes custos, o Arquivo Municipal de Betanzos conserva a relación de produtos comprados para tal fin, entre os que destacan os gastos en aceite, papel de estraza, estopa, brea, bramante, fariña ou as resmas de papel. Eses globos elaborados polos veciños xa portaban barquiñas que desprendían fogos de artificio. Os datos máis concretos comezan a aparecer na segunda metade do século. Por exemplo, consérvase no Arquivo Municipal de Betanzos un expediente no que se recolle unha factura de 1866 na que se lle pagan a Luis Abella «80 escudos pola construción de dous globos aerostáticos». Estes dous globos serían lanzados, seguramente, a noite do 15 e do 16 de agosto, o que se recoñece na documentación como o globo pequeno e o globo grande. A cantidade amplíase en 1868 ao pagárlle ao mesmo construtor 96 escudos pola elaboración de tres aeróstatos, lanzados neste caso e de menor a maior, nas noites do 14, 15 e 16 de agosto. Luis Abella será substituído por Antonio Pedreira, quen aparece na documentación como «echador de globos» nas festas de 1872, e que cobrará pola confección de tres globos de papel. Existe logo un lapso de documentación ata que en 1875 hai constancia, por primeira vez, da aparición en escena de Claudino Pita Pandelo. Este mozo de 16 anos foi o encargado de manter a tradición, de facer modificacións no globo e encargarse da súa supervivencia. A pesar de ser funcionario de Correos, contaría cun taller no antigo convento de San Domingo, onde elaboraría o dispositivo que presidía todas as festas.