Oficios e tradicións

A memoria viva de Betanzos a través dos seus gremios, festas e cultura popular

Feira Franca Medieval

Feira Franca Medieval

A primeira Feira Franca Medieval de Betanzos tivo lugar en Betanzos en xullo do ano 1998. Celebrouse desde aquela, de maneira ininterrompida, o segundo domingo do mes de xullo e toda a fin de semana correspondente. Trátase, sen dúbida, do proxecto de máis impacto económico e social nos últimos anos en Betanzos. Pódese dicir que o seu crecemento foi espectacular, en gran medida pola gran implicación, tanto do propio Concello (organizador do evento desde o principio), como das asociacións e a poboación betanceira e da comarca en xeral. A idea de realizar unha Feira Franca Medieval en Betanzos xorde como consecuencia da aplicación da historia, xa que Betanzos tiña unha feira que duraba todo o mes de novembro, alá polos séculos XIV e XV. Quizais a base do éxito sexa que durante a Feira Franca se representan escenas da propia historia betanceira, coa colaboración e a participación case exclusiva das asociacións e a veciñanza da nosa cidade. É dicir, eles e elas fan de actores e actrices, de corpo de baile, de nobres, de campesiños/as, de leprosos/as etc., sen que interveña ningunha compañía de teatro profesional nestas representacións. Por outra parte, as rúas e os balcóns dos edificios do centro histórico de Betanzos son engalanados con teas e estandartes que representan os escudos das familias betanceiras do baixo medievo. Todo se dispón nesas datas para que adentrarse na vila sexa o máis parecido posible a unha viaxe ao pasado máis esplendoroso da cidade.