Inicio
Mapa para descubrir os imprescindibles de Betanzos: patrimonio, igrexas do centro, igrexas parroquiais, casco histórico e aloxamentos.
CIEC (Centro Internacional da Estampa Contemporánea)
A Fundación CIEC (Centro Internacional da Estampa Contemporánea) é unha fundación privada creada o 7 de abril de 1997, froito do tesón do artista Jesús Núñez co obxectivo de promocionar e difundir as artes plásticas en xeral e a arte gráfica en particular. A Fundación CIEC realiza numerosas actividades e iniciativas, entre as que destacan a formativa e a expositiva. A organización de cursos e talleres ao longo de todo o ano e a creación no ano 2003 do Mestrado da Obra Gráfica fálanos da importancia desta actividade así como o número de profesorado, artistas e alumnado que participaron. A exhibición dos fondos da Colección, a realización de exposicións temporais, as visitas guiadas e as visitas didácticas para centros formativos e público en xeral, os talleres para nenos e nenas e a asistencia a feiras de arte contribúen notablemente ao mellor coñecemento e difusión da arte gráfica e dos e das artistas. A todo iso hai que sumar as publicacións, edicións, conferencias, presentacións de libros, concertos e demais eventos que converteron a Fundación CIEC en todo un referente no mundo da arte gráfica contemporánea. A Colección da Fundación CIEC ofrece unha ampla visión da gráfica contemporánea, desde as linguaxes máis realistas á abstracción, variantes que se acentúan pola diversidade de técnicas na consecución dunha estampa. Nela atópanse representados grandes mestres e mestras que ceden relevo a artistas cunha traxectoria consolidada e á mocidade creadora que se forma nos talleres do propio centro ou nas facultades e escolas de arte de todo o mundo. Barjola, Canogar, David de Almeida, Xenovés, Jordanov, Gabriella Locci, Antonio Lorenzo, Maruja Mallo, Picasso ou Saura son só un exemplo das súas máis de 3.000 obras.