Descubre Betanzos

Descubre Betanzos ao teu ritmo a través de mapas interactivos que combinan patrimonio, natureza, cultura e experiencias únicas.

Igrexa e Convento de San Francisco

Igrexa e Convento de San Francisco

Templo gótico do século XIV declarado BIC, con extraordinarios sepulcros da familia Andrade e rica decoración escultórica.
Templo de estilo gótico construído na segunda metade do século XIV polo mecenado de Fernán Pérez de Andrade, que reedificou o mosteiro anteriormente existente, que databa do século XII. Foi declarado monumento nacional en 1919 e posteriormente BIC. No seu interior, na capela maior hai un relevo que representa a Deus no alto rodeado dos catro evanxelistas. Nos nervios da bóveda hai anxos tocando distintos instrumentos, un deles tocando a gaita. Tamén se observan diversos capiteis con animais fantásticos. Destaca a ampla colección de sartegos dos diferentes membros da familia Andrade. Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade. Considerado como precedente da escultura funeraria medieval. Orixinalmente atopábase na capela maior xunto ao da súa muller Dona Sancha, pero en 1782 foi trasladado ao pé da igrexa baixo o coro. O sartego está levantado do chan sobre os animais representativos dos Andrade (un oso e un xabaril) e na cabeceira e aos pés aparece o escudo de armas dos Andrade, acompañados nos laterais diversas por escenas de caza do xabaril. Sobre o sartego represéntase a figura xacente de Andrade, ataviado de armadura e en posición de repouso.