Betanzos nun día

A mellor ruta para unha primeira visita, combinando casco histórico, patrimonio gótico, gastronomía local e natureza

Iglesia de Santiago

Iglesia de Santiago

Igrexa do século XV de transición do románico ao gótico, vinculada a Fernán Pérez de Andrade e ao Camiño de Santiago.

Data do século XV e foi edificada por Fernán Pérez de Andrade “O Mozo” sobre outra máis antiga de estilo románico. Presenta semellanzas, tanto na súa arquitectura como na súa iconografía, coa igrexa de Santa María do Azogue. Ten planta basilical, tres naves —sendo a central máis ancha ca as laterais— e tres ábsides. Pares de soportes en forma de piares con columnas adosadas dividen o interior do templo en cinco tramos. Polo hastial sur ábrense catro capelas que modifican a planta da igrexa. A cuberta do corpo do templo, a dúas augas, é de madeira e presenta un artesonado realizado a finais do século XIX. A porta principal, semicircular ao exterior, presenta arquivoltas con series de figuras vexetais e animadas, cun Cristo no centro flanqueado pola súa Nai co Neno en brazos e por Santiago Apóstolo a cabalo, figura que tamén se repite no tímpano. Catro pares de columnas adosadas, con capiteis de gusto románico, sosteñen esta portada. A porta lateral norte é apuntada, de molduras sinxelas, con dúas columnas adosadas e unha cruz en baixorrelevo no tímpano como única decoración. Da porta sur consérvase só o tímpano empotrado e, no extremo dun túnel que se abre na igrexa, aparece esculpido no interior un Santiago a cabalo e, no outro lado, Cristo rodeado de catro figuras e os instrumentos da Paixón; esta porta, chamada Santa, era pola que os peregrinos que se dirixían a Santiago e visitaban o santuario dos Remedios accedían ao templo. Constitúe un fermoso exemplo da transición do románico ao gótico, aínda que parcialmente desvirtuado pola reconstrución da fachada principal en 1900, na que se suprimiu a única torre do templo, se refez o frontispicio e se ergueron dúas torres rematadas por longas agullas de cemento, conservándose afortunadamente a porta principal.